Wednesday 24 de April de 2024

Santiago acollerá a Copa Galicia de Clubs de xadrez


Santiago de Compostela acollerá esta fin de semana a Copa Galicia de Clubs de xadrez, que se celebrará o sábado 30 de abril (categoría sub-16) e o domingo 1 de maio (categoría absoluta) no colexio Manuel Peleteiro. A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou en rolda de prensa este campionato, que é unha das referencias neste deporte a nivel autonómico.

Os organizadores do evento destacan que participarán entre 80 e 100 dos e das mellores xadrecistas de Galicia, coa presenza do campión de España sub-18 e de grandes mestres do xadrez. Na rolda de prensa, a concelleira estivo acompañada de Alejandro e Nerea Cereijo, dous irmáns que se están a convertir nunha referencia no xadrez a nivel estatal e que veñen de proclamarse campións galegos de xadrez na categoría sub-8. Representarán a Galicia no vindeiro campionato de España que se disputará no mes de xuño en Salobreña, Granada.

Antes da rolda de prensa, os dous irmáns, acompañados da súa familia e do seu adestrador, foron recibidos polo alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira Noa Morales.